venres, 31 de xaneiro de 2014


 
NA DEFENSA DA PRAIA DE AGUETE

 
O G.C. RONSEL iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para sensibilizar ás administracións das que depende o areal de Aguete da grave situación na que se atopa. Estes últimos temporais puseron de manifesto o perigo de desaparición da praia tal como a coñecemos.
O texto que estamos pasando para asinar é o que sigue a continuación.
Na páxina deste blog "Praia de Aguete" tés máis información.

A praia de Aguete é un dos atractivos naturais máis preciados que temos na zona de O Campo, Santomé e Seixo, boa proba disto son os miles de persoas que durante a tempada do verán acuden a disfrutar dos seus encantos, xerando importantes ingresos no sector turístico do noso Concello. A construción do novo porto a principios dos anos noventa do pasado século pensouse que podía reforzar este atractivo, pero desafortunadamente non foi asi; o proxecto que deu orixe ao actual porto trouxo como consecuencia un basculamento da area da praia cara a rada do porto, dando lugar a un doble efecto negativo: a destrución da praia e a inseguridade do porto por perda de calado. Catro anos despois de rematar as obras do porto xa bascularan cen mil metros cúbicos de area, e todos os estudos que se fixeron para aumentar a seguridade do porto indicaban que o impacto da ampliación do porto sobre a praia sería elevado, propiciando o seu basculamento cara a darsena deportiva e a erosión do extremo este; máis da metade do basculamento total da praia tería lugar en 5 anos (Documento “ESTUDIO DINÁMICA DO LITORAL POLA PROLONGACIÓN DO DIQUE DE ABRIGO DO PORTO DE AGUETE”).

É importante reseñar que en dous apartados do proxecto do actual porto, decíase explicitamente que as obras non terían incidencia sobre a estabilidade da praia porque o porto ía asentado sobre unha restinga natural e o pantalán de abrigo era flotante. A día de hoxe podemos decir que algo fallou nese proxecto, pois cada ano a praia ten menos area e nos temporais de inverno as ondas, que antano eran neutralizadas por esa area, agora descargan a súa enerxía máis arriba rebentando todo o que se lle pon por diante, polo que acabarán por derrubar a freixada ou valo que sustenta o monte e as fincas como xa está acontecendo en puntos concretos da praia.

Á vista dos estudos feitos e dos efectos reais que se observan, as persoas abaixo asinantes demandamos das autoridades competentes:

a)       Que revisen o proxecto que deu lugar ao actual porto de Aguete e corrixan os fallos que provocaron a desfeita da praia, para que de forma natural a area volva ao seu lugar de orixe, mellorando deste xeito o calado do porto e a súa seguridade e a propia praia.

b)      Que fagan as obras necesarias para esa corrección non incrementando ou ampliando o porto por estar desaconsellado  nos estudos xa feitos.